Aberto o prazo das axudas autonómicas para a compra de equipamentos, software e hardware

xoves, 8 de agosto do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia abriu o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria do programa de investimento en equipamento empresarial, que destina 3M€ á promoción de iniciativas que melloren a innovación e a competitividade de pemes e autónomos galegos. O obxectivo é “potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresarias a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas”.
Entre as grandes novidades da convocatoria figura o feito de que poden optar a esta liña as persoas autónomas e pequenas e medianas empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e de cara a reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100% da axuda.
Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. “O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os custos de investimento que teñan realizado neste mesmo exercicio 2024”, sinálase nas bases, onde se engade que serán admitidos gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro de 2024 e ata o vindeiro 10 de decembro, permanecendo aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo 10 de outubro.
Os conceptos de investimento subvencionábel inclúen tanto a compra de maquinaria ou bens de equipamento como os programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
Deste xeito, a Xunta pretende dar unha resposta coordinada ás necesidades financeiras das pemes, facilitando a mellora da súa competitividade.
Esta liña enmárcase no contexto do programa Galicia Inviste, que o Goberno galego promove desde o ano 2018 e que ten permitido apoiar 442 proxectos cun importe total de axuda de preto de 38M€, o que supuxo unha mobilización de investimentos por importe de máis de 148 millóns de euros.