Aberto até o 17 de maio o prazo para presentar vídeos ao certame Vémolo Nós (USC)

xoves, 30 de marzo do 2023 S. P.

O concurso de vídeos Vémolo Nós, dirixido a reivindicar o galego como lingua científica, aínda ten aberta a fase de inscricións, concretamente até o 17 de maio. O obxectivo concreto deste certame impulsado dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC non é outro que “promover a produción e difusión de vídeos curtos e orixinais co gallo de animar a empregar a nosa lingua como canle de divulgación científica e arquivo de materiais audiovisuais útiles para a docencia no eido universitario”.
Como dixemos, será o vindeiro 17 de maio, a data límite para que as persoas interesadas en participar neste certame (dentro da comunidade universitaria deste curso 2022-2023), poidan presentar a súa solicitude a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento Solicitude xenérica e de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.
Facer que a comunidade universitaria teña como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais; coñecer a historia da USC a través das figuras e dos fitos que deixaron pegada na súa traxectoria; e, por último, conseguir que se amose a utilidade do galego na futura vida laboral dos universitarios e universitarias son outras das metas que o Servizo de Normalización Lingüística da USC persegue con esta iniciativa.
Indo ao certame en cuestión, nel entregaranse tres galardóns correspondentes ás categorías de: Divulgación de Coñecemento, Descubrindo a USC e A utilidade do galego, dotados cada un deles con 1.500 euros. Na primeira das modalidades, os vídeos deben achegar explicacións, aproximacións ou referencias a un asunto científico ou académico de maneira que poida ser accesíbel de xeito claro. En Descubrindo a USC, teñen cabida aqueles traballos que se acheguen á USC e á súa historia. No apartado, A utilidade do galego valoraranse aquelas pezas audiovisuais que amosen a utilidade do idioma galego no futuro profesional.
Cada vídeo presentado deberá empregar a lingua galega e poderá estar subtitulado a outros idiomas. Pódese participar tanto de maneira individual coma en grupo e os traballos presentados deben ser inéditos e orixinais. O vídeo terá unha duración de menos de cinco minutos en formato de 16:9.

PUBLICIDADE