Abertas as inscricións para o campus tecnolóxico de verán da USC

martes, 21 de abril do 2026 S. P.

Esta semana botou a andar na Universidade de Santiago o Campus Tecnolóxico de Verán Aventura STEM: Viaxe no Tempo, que ten aberto o prazo de inscrición e que está a ser organizada por Play Code Academy.
A iniciativa levará á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo e á Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) do Campus de Santiago, programación, robótica e cultura para cativada de 6 a 16 anos.
Este campus temático ofrece unha combinación de diversión e aprendizaxe da Historia. Durante unha semana, as persoas participantes viaxarán a través do tempo. Profundarán na tecnoloxía e descubrirán como utilizala para resolver enigmas e afrontar novas situacións en cada un das súas viaxes.
Deste xeito aprenderán a programar drons para mapear xacementos arqueolóxicos; construír robots pintores con LEGO e Arduino; deseñar sistemas de alerta para refuxios prehistóricos con Micro:Bit e Edison; crear contornas virtuais en Delightex; ou deseñar e imprimir obxectos reais en 3D. Todo adaptado por idades e niveis, cun enfoque 100% práctico que fomenta a creatividade, o pensamento crítico e o interese pola Historia.
A primeira quenda desenvolverase do 22 ao 26 de xuño, mentres que a segunda terá lugar do 29 de xuño ao 3 de xullo. O persoal da USC gozará de prezos reducidos á hora de inscribirse nesta iniciativa.