Aberta ata este mércores a preinscrición para participar na Olimpíada Informática Galega

martes, 21 de xaneiro do 2025 S. P.

Participantes da edición da OIG de 2022 nunha imaxe de Xaime Cortizo

Este mércores 22 de xaneiro pecha o prazo de inscrición para a mocidade que queira participar na OIG, a Olimpíada Informática Galega organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (Universidade de Vigo - UVigo, Universidade da Coruña - UDC e Universidade de Santiago – USC). A cita (a Olimpíada) será o vindeiro 15 de febreiro.
Segundo lembra o CPEIG, o obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.
A olimpíada celebrarase de xeito presencial o sábado 15 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da US, en horario de 10.00 a 14.30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Uvigo.
A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
O Colexio de Enxeñaría Informática engade que o número máximo de participantes na OIG 2025 será de 40 e que no caso de que o alumnado preinscrito supere ese número, a selección das 40 persoas participantes realizarase por orde de preinscrición. Neste caso, a listaxe de persoas seleccionadas e a lista de agarda darase a coñecer o 24 de xaneiro de 2025.
A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXIX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 4 ao 6 de abril de 2025 na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, primeira vez que a olimpíada española se celebra en Galicia, evento que tamén contará coa colaboración do CPEIG para a súa organización. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en setembro de 2025 en Bolivia.
A olimpíada está habitualmente patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC. Na edición de 2024 colaboraron Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.