ARCHOS propón un tablet de 13,3 polgadas para uso familiar

mércores, 21 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Cando nos estabamos a afacer a que os tamaños estándar para tablets fosen as 7 e 10,1 polgadas (en pantallas panorámicas) dende ARCHOS sorpréndenos e anuncian o ARNOVA FamilyPad, un tablet orientado para o uso doméstico que destaca pola súa pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 13,3 polgadas, que resulta ideal para utilizar en familia como ben indica o seu nome, de xeito que o seu tamaño actúa simultaneamente como principal fortaleza e debilidade, pois o seu tamaño réstalle portabilidade pero pode resultar moi atractivo para o consumo de contidos na casa ou na oficina.
Dende ARCHOS destacan que a pantalla capacitiva do novo tablet detecta ata 10 puntos, polo que resulta ideal para xogar en familia (hai xogos que permiten competir a dous usuarios á vez a pantalla partida), o seu tamaño faino ideal para compartir películas e fotografías e tamén propoñen o seu uso como organizador persoal coa posibilidade de configurar no mesmo varias contas de correo electrónico.
Este novo tablet chegará ás tendas en decembro a un prezo de 299 euros e entre as súas prestacións está o sistema operativo Android 4.0, un procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria microSDHC de ata 32 Gb, 1 porto micro USB 2.0 para dispositivos externos, saída HDMI e cámaras frontal e traseira de 2 Mpíxeles cada unha. Tamén inclúe un soporte para poder colocalo sobre a mesa e facilitar a visualización de vídeos como se estivesen na pantalla dun ordenador portátil.

PUBLICIDADE