ARCHOS prepara tablets con Android de 8 e 10,1 polgadas

luns, 28 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos meses ARCHOS destacou por colocar no mercado 5 tablets con Android 2.2 cuns prezos bastante axustados, polo que resultaban ideais para que quixera introducirse neste tipo de trebellos, e continuando nesta agresiva liña están a preparar 2 novos dispositivos: o Arnova 10 e o Arnova 8.
O Arnova 10 presenta unha pantalla táctil resistiva de 10,1 polgadas, procesador Rockchip RK2818 a 600 MHz, 4/8 Gb de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD), sistema operativo Android 2.1, unhas medidas de 272 x 152 x 13,5 milímetros, un peso de 570 gramos e un prezo de 199 euros. Este equipo estreará en abril unha versión cun procesador RK2918 a 1 GHz e pantalla táctil capacitiva.
O Arnova 8 comparte procesador co seu irmán maior, conta só cunha capacidade de 4 Gb (ampliable mediante tarxetas microSD), unha modesta pantalla táctil resistiva de 8 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles, unhas medidas de 205 x 153 x 12 milímetros, un peso de 500 gramos e un prezo de 149 euros. Coma o Arnova 10, en abril tamén mellorará o seu procesador e a tecnoloxía táctil da súa pantalla.
Ambos equipos están destinados a realizar tarefas básicas coma ler o correo electrónico, navegar pola web, reproducir vídeos ou ler libros electrónicos, e son unha interesante ampliación da familia de dispositivos con Android de ARCHOS.


Revisión en vídeo do Arnova 10

PUBLICIDADE