ARCHOS anuncia un tablet con pantalla de 8 polgadas e 3G por só 179,99 euros

xoves, 16 de maio do 2013 Marcus Fernández

ARCHOS continúa a colocar no mercado tablets a un prezo bastante competitivo, e a última incorporación ao seu catálogo vai na mesma liña, pois para o mes que vén vai vender por 179,99 euros o ARCHOS 80 xenon, que vén a ser un dispositivo con procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 1,2 GHz (con gráfica Adreno 203), Android 4.1, pantalla de 8 polgadas e conectividade tanto Wi-Fi como 3G, polo que resulta moi atractivo para que busca un tablet para acceder á Rede en mobilidade. Deste xeito temos unha boa opción para quen queira aproveitar as tarifas de banda larga móbil que asolagan o mercado e que teñen prezos cada vez menores (ou ante a posibilidade de compartir a tarifa de datos contratada con tarxetas SIM secundarias tal e como ofrecen varios operadores por un prezo adicional moi reducido).
O ARCHOS 80 xenon goza dunha pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles (polo que para moitos pode ser unha boa alternativa ao iPad mini), ten 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámara posterior de 2 Mpíxeles e webcam frontal, GPS (para Google Maps e incluso acceso ao navegador GPS de Google), Bluetooth, acceso a Google Play e un deseño relativamente compacto, cun grosor de 11,3 milímetros e un peso de 440 gramos.

O novo tablet de ARCHOS chega con Android 4.1 e acceso a Google Play

PUBLICIDADE