ARCHOS actualiza os seus tablets G9 a Android 4.0.3

venres, 9 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os tablets de ARCHOS co sistema operativo Android están a ter unha aceptación moi boa no mercado europeo dentro dos dispositivos de gama media, e a súa resposta comercial poderá funcionar aínda mellor xa que a familia de tablets G9 actualiza o seu sistema operativo de Android 3.2 a Android 4.0.3, polo que póñense á última, achegando unha experiencia de uso optimizada para tablets (o que non ofrecen normalmente os dispositivos de gama baixa) e cun prezo competitivo.
Os dispositivos que estrean a actualización a Android 4.0.3 son o ARCHOS 80 G9 e o ARCHOS 101 G9, que contan con procesadores nVIDIA Tegra 2 de dobre núcleo a 1,5 GHz, capacidade de reprodución vídeo en alta definición, compatibilidade con contidos para Adobe Flash 10.3, saída HDMI, cámara frontal capaz de gravar vídeo a 720p, opción 3G mediante un accesorio USB, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, GPS e configuración de disco que parten unha memoria Flash de 8 Gb a un disco duro de 250 Gb. A diferenza entre ambos tablet está nas súas pantallas, que son de 8 polgadas (4:3) cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles e 10 polgadas (16:9) cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles respectivamente.

PUBLICIDADE