AMTEGA e a Secretaría do Deporte convocan unha xornada para axudar aos clubs deportivos a dixitalizárense

xoves, 8 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Impulsar a presenza das ferramentas e métodos da Administración Electrónica no ámbito das asociacións e clubs de deportes. Este é un dos grandes obxectivos da xornada que organizan este 9 de febreiro a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Secretaría Xeral para o Deporte, a xornada Faite dixit@l e tramita nun clic - Rexistro de Entidades Deportivas, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 12:00 h a 13:30 h.
A sesión divulgativa responde ao chamamento lanzado recentemente pola Secretaría ás máis de 8.000 entidades deportivas galegas, a prol da actualización dos seus datos no Rexistro autonómico. Este proceso de posta ao día da información de seu implicará que teñan que enviar dixitalmente (a través da sede electrónica da Xunta) a documentación que se lles esixe para cumprir o trámite. Para facilitar este proceso e capacitar ás entidades para levalo a cabo do mellor xeito posíbel (este trámite e todos os que veñan despois) xorde precisamente o devandito obradoiro por multiconferencia.
En palabras dos organizadores da xornada é facilitar aos clubs “as nocións básicas sobre o funcionamento da sede electrónica, clarexar posíbeis dúbidas, difundir os servizos dispoñíbeis na sede e indicarlles as canles para obter máis información en caso de que a precisen durante a realización da xestión”. O enfoque da xornada será eminentemente práctico con exemplos sobre emprego dos diversos sistemas de identificación e sinatura dixital admitidos pola sede, incluído o sistema Chave365, que evita o uso do certificado dixital.
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula CeMIT do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (cdtic.xunta.gal) ou ben a calquera das aulas CeMIT das localidades que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios: Santiago, Abegondo, Ames, Arzúa, Brión, Coruña, Narón, Oroso, Ortigueira, Barreiros, Carballedo, Ribadeo, Bande, Celanova, Ourense, Cuntis, Poio, Pontevedra e Valga.
En total disponse de máis de 260 prazas para asistentes, das que 25 están habilitadas de maneira presencial na aula CeMIT no CDTIC en Santiago de Compostela e o resto para seguir por videoconferencia. Pódense consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: cemit.xunta.gal/centros

PUBLICIDADE