AJE propón á Deputación de Lugo máis formación en redes sociais para a mocidade

luns, 9 de maio do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo reuniuse este luns coa Asociación de Empresarios Novos (AJE) para materializar de maneira conxunta as novas accións formativas de LugoWork, o plan de emprego xuvenil e participativo da provincia. O orzamento para o que se conta para é de 2 millóns de euros, acadados polo organismo provincial da Unión Europea a través da Escola de Organización Industria. LugoWork achegará en datas vindeiras recursos para mellorar o currículo dun mínimo de 300 mozos en paro. Logo da formación concederanse axudas económicas para a súa contratación.
Na xuntanza con AJE participou entre outros o deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón. De cara a ir dando forma á vindeira folla de ruta de LugoWork os representantes do organismo provincial e os da asociación coincidiron en salientar a importancia de fornecer formación sobre o ámbito comercial, sobre o uso de ferramentas de produtividade empresarial así como sobre técnicas e tecnoloxías para o seguimento do público e clientes e o seu mantemento no tempo.
AJE, ademais, fixo especial fincapé na importancia da formación dos profesionais en novas tecnoloxías, sobre todo no ámbito das redes sociais “clave para conseguir un maior rendemento empresarial”. Acerca da importancia de afianzar entre a mocidade un manexo profesional e empresarial das comunidades e as ferramentas 2.0, AJE engadiu que “o máis importante non é ter un grande coñecemento na materia, senón ser proactivo e implicarse á hora de aprender novas técnicas e recursos”.
A Deputación lembrou que con este de hoxe xa son 6 os encontros que a entidade mantivo con representantes de asociacións na contorna (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Fundación Laboral da Construción, Mulleres Empresarias da Provincia, APREVAR e AJE). Mañá martes, día 10 de maio, desenvolverase o encontro coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC); e o xoves, día 12 de maio, coa Asociación de Transformación da Madeira.
Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende Internet, en deputacionlugo.gal.

PUBLICIDADE