AIO Robotics prepara unha impresora 3D multi-función

xoves, 22 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Actualmente nos fogares e oficinas é habitual ver que as impresoras son normalmente dispositivos híbridos, que incorporan un escáner, de xeito que poden empregarse para dixitalizar imaxes e tamén como fotocopiadoras, e agora queren que este formato multi-función chegue tamén ás impresoras 3D, e AIO Robotics adianta que o 4 de setembro vai presentar Zeus, a que podería ser a primeira impresora 3D capaz de facer escaneo 3D, impresión 3D, copia 3D e incluso fax 3D.
Este interesante produto integrará unha pantalla táctil de 7 polgadas e un potente procesador ARM para poder funcionar sen a necesidade dun ordenador, de xeito que a máquina escaneará tridimensionalmente os obxectos que queiramos para logo remitir os datos recollidos á nube, onde procesarase a información para dar lugar a un modelo 3D que logo poida imprimirse (existirá modelo sen funcións en liña, pero será máis lento e caro). O tamaño máximo co que traballa é de 30 centímetros e o seu prezo aínda non se concretou.

PUBLICIDADE