AGESTIC forma en tecnoloxías a desempregados para atender á demanda de persoal cualificado

venres, 3 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxía e Información (AGESTIC) segue adiante coas súas actividades educativas en materia de achega laboral cualificada para as empresas. Máis polo miúdo, falamos dun programa formativo (financiado pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo) dirixido a subministrarlle ao sector os mellores profesionais que atendan as súas demandas de persoal con capacitación técnica axeitada. A raíz destas actividades da entidade galega está en estudos previos no eido empresarial que serviron, entre outras cousas, para detectar un bo número de prazas de emprego desertas dentro do sector das novas tecnoloxías, en boa medida por falta de profesionais con coñecementos de programas e aplicacións de emprego común.
Neste senso, a idea de AGESTIC foi organizar unha serie de actividades para solucionar na medida do posible este problema, sendo os cursos devanditos as iniciativas principais. Son os seguintes: curso de experto en base de datos web con ASP.Net, curso de programador en base de datos web con JSP e, a maiores, un máis de administrador en base de datos web SQL-Server.
O obxectivo: axudar na formación a un total de 45 desempregados. En palabras da propia entidade galega, “trátase de poñer en valor os coñecementos básicos deses profesionais e afacelos ao mercado laboral para favorecer a súa inserción, agardando que a maior parte dos participantes que finalicen con éxito o programa, obteñan un emprego grazas aos coñecementos adquiridos”. Neste senso, a idea de AGESTIC é apostar unha vez máis pola Sociedade da Información e o seu contorno como canle de primeira orde para deixar atrás a crise e, asemade, como fonte de desenvolvemento e de negocio. Con este fin, sinala a asociación, é preciso achegar persoal cualificado, un dos piares sobre o que descansa o afianzamento mesmo das redes.