AGASOL convoca ás ONG galegas para darlles a coñecer as vantaxes do software libre

mércores, 21 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Hoxe, mércores, erguémonos cunha boa nova para todas aquelas persoas que empregan, desenvolven e distribúen programación aberta: segundo informa CENATIC, a presenza do software libre nas empresas estatais non para de medrar. Razóns non lles faltan ás nosas compañías para subirse ao carro do código aberto: sonlles programas máis baratos (que non necesariamente de balde), están apoiados por unha chea de desenvolvedores e usuarios a nivel internacional e, ademais, permiten boa marxe de adaptabilidade. Visto o visto, a xornada que prepara a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, para dar a coñecer as vantaxes destes programas entre as organizacións de tipo social, vén máis a conto ca nunca. A cita será o 29 de setembro en Santiago.
A Xornada software libre no terceiro sector: oportunidades para o desenvolvemento porá de manifesto, en definitiva, que o que é bo para as empresas, as administracións e os usuarios de pé, tamén ten que selo para as iniciativas sen arela de lucro, se cadra máis aínda, tendo en conta que canto máis reduzan os investimentos en infraestruturas, neste caso tecnolóxicas, máis eficaces serán no seu labor solidario. O encontro en cuestión vén da man de AGASOL, que contará coa colaboración da Xunta a través da Secretaría Xeral de Modernización.
A xornada irá dirixida sobre todo ás asociacións e organizacións do terceiro sector que operan en Galicia, co obxectivo de achegarlles as ferramentas informáticas libres de interese para ofrecer un mellor servizo aos colectivos desfavorecidos, infórmase dende Mancomún. Por certo que na nosa terra, este ámbito das organizacións con fins sociais e sen arela de lucro está constituído por unhas 2.000 entidades. O uso do software libre, infórmase, ademais de configurar un xeito económico de acceder ás vantaxes das novas tecnoloxías, pode significar en definitiva a superación definitiva da fenda dixital, á que estas plataformas –por desgraza- tampouco son alleas. Segundo se engade na páxina de Mancomún, participarán na xornada empresas que contan con ferramentas dirixidas ao terceiro sector e orientadas á accesibilidade, todas elas no camiño de amosar ás ONG e entidades galegas “as diferentes solucións e experiencias de interese en eidos como os dos servizos para persoas con discapacidade, dereitos humanos, drogodependencias, educación, exclusión social, xuventude, terceira idade, etc”.

Programa da xornada

  • 9:30-9:45 Presentación da xornada por parte da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Dna. Mar Pereira Álvarez.
  • 9:45-10:30 ¿Que é o Software Libre? Filosofía, solucións e vantaxes. Relator: Xavier Castaño (Igalia)
  • 10:30-11:15 Tecnoloxías accesibles no centro educativo dixital. Relator: Carlos Rodríguez (Tegnix)
  • 11:15-11:40 Pausa-café
  • 11:40 -12:30 Tecnoloxías accesibles no fogar dixital. Teleasistencia en usuarios con diversidade funcional. Relator: Xurxo Cegarra (Wireless Galicia)
  • 12:30 -13:30 Mesa redonda, presentación dunha nova plataforma de traballo orientada ao terceiro sector.

A xuntanza desenvolverase o día 29 de setembro en Santiago no MUPEGA, Museo Pedagóxico de Galicia, Rúa San Lázaro, 107.