AGASINT e a USC xuntan forzas para impulsar a formación en drons

martes, 4 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A fronte común galega de firmas de sistemas intelixentes non tripulados, AGASINT, vén de formalizar un acordo coa Universidade de Santiago para impulsar a formación avanzada sobre o ámbito tecnolóxico que lle toca de preto á asociación: aplicacións, ferramentas e tecnoloxías propias dos vehículos terrestres, acuáticos e aéreos tripulados de forma remota. A alianza foi dada a coñecer este luns na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
A formalización do acordo contou coa presenza do director da EPS, Tomás Cuesta, a coordinadora do máster universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, Mariluz Gil Docampo; o presidente de AGASINT, Luis Aceituno, e Marco Rubinos, en representación da empresa 3edata, spin-off tecnolóxica nada no cCmpus de Lugo da USC e, na actualidade, adherida a AGASINT.
Segundo fixeron saber en termos concretos, a alianza vai destinada a xuntar forzas e experiencias (formación, investigación e bagaxe empresarial) para “completar a formación académica que recibe o alumnado do mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados ou en calquera outro título ou programa de estudos da USC neste ámbito do coñecemento mediante a colaboración coas empresas do sector”. Amais, os responsables académicos e os representantes empresariais que participaron na presentación deste convenio marco, salientaron o “carácter ambicioso” dun acordo aberto a múltiples posibilidades. De feito, indicaron, “cada actuación ou plan de acción concreto que se baralle será obxecto dun convenio específico”.
En palabras de Marco Antonio Rubinos Román, “os sistemas tripulados en forma remota, tanto aéreos como terrestres ou acuáticos, constitúen un sector en franca expansión, e en moitos casos constitúen ferramentas innovadoras que precisan de profesionais cun alto grao de de formación, polo que é lóxico e necesaria a creación de ligazóns entre empresas tecnolóxicas e centros de investigación”.
Pola súa banda, o presidente de AGASINT, Luis Aceituno, lembrou que “os obxectivos da asociación pasan por trasladar e canalizar as necesidades específicas de formación”. E engadiu: “Cada vez identifícanse novas necesidades de coñecemento entre os técnicos que están a desenvolver traballos nas empresas tecnolóxicas, o que dá pé a nichos de emprego emerxentes no contexto do mercado laboral”.
Respecto dos cometidos específicos deste convenio co mestrado, Aceituno dixo que entre as motivacións do acordo atópase a de colaborar na formación práctica das alumnas e alumnos matriculados neste posgrao impartido na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC e na UVigo, amais de difundir o traballo que están a realizar as empresas tecnolóxicas e divulgar os resultados dos proxectos que desenvolven.

PUBLICIDADE