AGAPI organiza o mes que vén un encontro sobre a nova vida dixital do audiovisual galego

xoves, 25 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organiza os días 9 e 10 de outubro un encontro encamiñado a buscar novos camiños para a creación e difusión de audiovisual dende a nosa terra. A xuntanza, que se vai desenvolver no NH Obradoiro de Compostela, contará coa apoio da Consellería de Innovación e coa presenza dun amplo número de especialistas no estudo das canles dixitais e a súa potencialidade para asentar unha industria audiovisual que, como a galega, é rica en contidos, propostas e talento pero non en grandes investimentos. A idea deste encontro é, polo tanto, procurar xeitos de tirar partido do innovador e do dixital para compensar a ausencia dunha situación xeográfica idónea ou de apoios de xigantes do sector. As xornadas celebraranse baixo o seguinte título: Novas formas de distribución e consumo audiovisual.

Tríptico das xornadas

Segundo informa AGAPI, celebraranse cinco mesas de traballo e debate sobre a dixitalización de contidos, as novas canles de distribución, a exhibición dixital, a explotación baixo demanda, os novos formatos para os novos medios e as novas oportunidades de negocio. Representantes das empresas máis innovadoras do sector -entre elas Blusens, Sogecable, Televés, Telefónica, Alcatel e Zed- , da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universitat Pompeu Fabra participarán neste encontro especializado nos retos da dixitalización. Por certo que a inscrición no evento é de balde, e ficará aberta a profesionais do sector e a estudantes de Comunicación e de Audiovisual. Para a súa formalización, cómpre achegar o formulario cumprimentado antes do 7 de outubro. O aforo está limitado a 60 prazas. Para máis información, hai que pórse en contacto con AGAPI a través desta conta: administracion@agapi.org.

PUBLICIDADE