ADEGA lanza Cerna TV, a primeira canle galega específica de activismo ambiental
luns, 27 de xaneiro do 2020
A
asociación
ecoloxista ADEGA vén de estrear Cerna TV, unha canle audiovisual
para “a difusión dixital de vídeos con contidos de carácter
ambiental, ecoloxista ou de defensa do patrimonio natural e cultural
de Galiza”. Segundo explica a organización, Cerna TV sería “a
primeira canle audiovisual galega destinada estritamente á difusión
pública de contidos ambientais e ecoloxistas do noso territorio”.
Con
esta iniciativa, ADEGA pretende ampliar e diversificar os seus medios
de difusión pública, colaborar na divulgación de producións
audiovisuais alleas de interese ambiental e producir contidos
audiovisuais propios para as redes sociais e, tamén, para un público
máis familiarizado con este tipo de soportes. A canle sería un
complemento dos medios dos que xa dispón a asociación, entre os que
se atopan a Revista Cerna e Radio Cerna, entre outros, todos eles
accesíbeis na web de ADEGA.
Segundo
explica ADEGA, Cerna TV conta con diversos apartados ou seccións que
se establecen en función do tipo de contidos, ademais dunha pantalla
principal na que se reproducen as pezas audiovisuais máis destacadas
ou actuais. En todos os apartados recolleranse tanto producións
propias como alleas que encadren nesta tipoloxía de contidos:
Conservas Co Ecoloxismo, Eventos, Vídeo-denuncias e Documentais.
Cerna
TV estréase coa primeira entrega da sección Conversas co
Ecoloxismo que protagoniza o doutor en Ciencias Biolóxicas,
experto en contaminación atmosférica e expresidente de ADEGA, Ramón
Varela Díaz. O autor do libro Contaminación atmosférica de
Galiza analiza na primeira entrevista da canle cal foi a
evolución das emisións contaminantes na última década, a crise de
Alcoa e outras industrias electrointensivas asentadas na nosa terra,
ou, tamén, a forma na que as administracións públicas están a
abordar a transición industrial cara a un futuro descarbonizado que
representa o peche das térmicas galegas. Cerna
TV emite esta entrevista de forma íntegra ou separada en distintos
bloques temáticos.