ABANCA acada un aumento do 14,4% en clientes dixitais activos

xoves, 27 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

ABANCA vén de presentar as cifras relativas á súa actividade no primeiro semestre de ano. Entre o máis destacado figura o seguinte: a entidade foi quen de pechar período cun resultado neto de 229,1 millóns de euros, o que significa unha suba do 23,1% respecto ao mesmo semestre de 2016. Ademais, complementando o acostumado baile de números e fitos figuran novamente informacións relativas á andaina TIC da entidade financeira galega. Segundo se fai saber no informe, no primeiro treito de 2016 constatouse a boa marcha da aplicación móbil de ABANCA, en termos da compañía “unha das mellor valoradas polos usuarios”.
Asemade, a dixitalización “camiña” a bo ritmo e consolídase como “un dos eidos nos que o banco está a ser máis activo”. En termos concretos, o proceso de dixitalización avanzou cun aumento do 27,1% en transaccións realizadas e do 14,4% no número de clientes dixitais activos.
Ademais, no primeiro semestre a entidade incorporou unha novidade funcional que permite aos seus clientes empresas realizar a firma de operacións desde teléfono móbil, e converteuse, nas súas palabras, “na primeira entidade española en facer posíbel o envío de diñeiro de móbil a caixeiro mediante comandos de voz”. Isto, como lembraremos, é unha realidade dende o mes de xuño grazas á incorporación ao servizo ABANCA Cash do asistente Siri de Apple.
Ao abeiro da súa estratexia de innovación desenvolvida no devandito período de tempo, a entidade lembra a posta en marcha do seu programa de fomento do talento tecnolóxico ABANCA Innova, que xa seleccionou as primeiras novas firmas innovadoras ás que apoiará para trasladar os seus proxectos ao mercado financeiro.

PUBLICIDADE