A web de Paradores terá acceso en galego antes de que remate o ano

luns, 24 de maio do 2010 Raquel Noya

No pasado mes de febreiro, o BNG, da man do seu voceiro no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, denunciaba que a web de Paradores de Turismo, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, “estaba dispoñible en castelán, frances, alemán, inglés e catalán, porén non o estaba en galego”.
Hoxe, a pregunta polo motivo de que a nosa lingua estivera excluída da web de Paradores, rexistrada polo partido nacionalista no Congreso para a súa resposta por escrito, e a petición de que se habilitase canto antes o acceso en galego ten contestación oficial, e no documento, o Goberno informa que antes de que remate o 2010, “haberá acceso en lingua galega á web de Paradores”.
O Goberno xustifica a presenza do catalán desde hai varios anos, “polo alto número de clientes procedentes de Cataluña” (é a segunda Comunidade despois de Madrid en número de clientes de Paradores), e explica que “desde hai máis dun ano, Paradores está a realizar unha profunda reforma da web na que se inclúe o acceso en galego”.
É por isto que, antes de que remate o 2010, a páxina en galego e as demais linguas cooficiais estará dispoñible para tódalas persoas usuarias.
Para o deputado do BNG “resulta inconcebible que un portal de turismo pertencente á Administración do Estado siga criterios puramente economicistas en lugar de ser equitativo e evitar discriminar a outras linguas como o galego”.

PUBLICIDADE