A viguesa Alén Space, premiada polo seu empuxe innovador
luns, 10 de xuño do 2019
Alén
Space, empresa galega da
que falamos recentemente para reflectir as súas importantes
contribucións ao lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia, vén
de obter un máis que relevante recoñecemento ao seu labor e á súa
proxección futura. Estamos
a falar do Premio á accións empresarial máis innovadora ligada á
universidade, que concede o xornal Cinco Días e que vén chegar á
súa edición número 12. O xurado decidiu entregar á spin-off
da UVigo o devandito premio polos seus destacados esforzos en
desenvolvemento e fabricación de nanosatélites, pola excelencia da
súa tecnoloxía, o seu equipo humano, o seu potencial de mercado e o
seu posicionamento.
Segundo
nos conta Guillermo Lamelas, director executivo da empresa galega, na
decisión do xurado de Cinco Días tamén foi clave “o proceso de
rexeneración e transferencia de tecnoloxía desde a Universidade de
Vigo a Alén Space e a continua colaboración entre ambas entidades”.
O
CEO da empresa tamén recoñeceu que “gañar este premio, ademais
dun recoñecemento ao gran traballo realizado ata a data polo noso
equipo, e dun caso paradigmático de éxito na relación
empresa-universidade, supón unha grande oportunidade para aumentar o
coñecemento das enormes posibilidades que os pequenos satélites
ofrecen”.
Os
nanosatélites Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1 son os exemplos
máis salientábeis da colaboración que ao longo de mais dunha
década mantiveron a Universidade de Vigo e Alén Space, agora xa
legalmente constituída como unha spin-off da institución
académica viguesa.