A vídeoconferencia chega aos smartwatches infantís

luns, 11 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O dokiWatch puido verse nos pasados días no CES de Las Vegas

Nos últimos días pasou polo CES de Las Vegas un deses proxectos de micromecenado que completan rapidamente o seu financiamento, de xeito que durante boa parte da súa campaña de captación de fondos o que están a facer realmente é aceptar pedidos anticipados, como é o caso do dokiWatch, que presume de ser o primeiro smartwatch para cativos en integrar videochamada, e que tamén conta con teléfono, localizador GPS, monitor de actividade e outras funcións.
Por uns 149 dólares (136,76 euros) pode conseguirse en Kickstarter unha das primeiras unidades do dokiWatch, que comezaría a distribuírse no mes de maio. Este produto vén a ser unha especie de smartphone 3G integrado nun reloxo de pulso, que funciona con Android 4.4 e que para operar só hai que introducir no seu interior unha tarxetas micro SIM. A súa xestión pode facerse mediante unha aplicación para iOS e Android que tras a súa vinculación co reloxo permite comprobar a súa posición e personalizar numerosos elementos deste atractivo produto para nenos de entre 6 e 12 anos.
O dokiWatch funciona cunha pantalla táctil TFT de 1,22 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles, procesador MediaTek MT6627 de dobre núcleo a 1,3 GHz, 512 Mb de RAM, 4 GB de almacenamento interno, batería de 600 mAh, GPS, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, micrófono, altofalante, cámara de 2 Mpíxeles e acelerómetro.
Os cativos poden gozar de videochamadas, chamadas de voz, mensaxes de voz, mensaxes de texto, emoticonas, peticións de auxilio, monitorización de actividade física e aplicacións descargables neste atractivo reloxo que tamén recibirá actualizacións OTA e contará con funcionalidades de gamificación (por exemplo, para animar aos cativos a ter unha maior actividade física).

Vídeo de presentación do dokiWatch

PUBLICIDADE