A versión mini do Commodore 64 sairá á venda o 29 de marzo

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A finais de setembro sorprendeu o anuncio de que a primeiros de 2018 teriamos no mercado THEC64 Mini, unha versión en miniatura do clásico Commodore 64 que incluiría un joystick clásico e 64 xogos con licenza por un prezo de 79,99 euros, e finalmente Koch Media confirmou que vai achegar o produto ás nosas tendas o vindeiro 29 de marzo, facilitando así que moitos nostálxicos dos videoxogos da década dos 80 poidan lembrar eses tempos e recuperar grandes xogos conectando un pequeno trebello a un televisor moderno (a través dun porto HDMI).
O Commodore 64 foi un ordenador lanzado ao mercado en 1982, estando considerado o de maior éxito na década dos 80 a nivel mundial, principalmente pola súa boa acollida nos EE.UU. (mentres que en países como España e Reino Unido o equipo que trunfaba era o Spectrum), pero en calquera caso cómpre recoñecer que nunha escala global é a plataforma máis icónica, só superada por Atari.
Entre os xogos que integra o THEC64 Mini figuran California Games, Speedball 2: Brutal Deluxe, Paradroid, Impossible Mission, Uchi-Mata, Ranarama, Uridium, Herobotix e moitos outros que conforman unha colección que non tería nada que envexar á das consolas mini de Nintendo que saíron á venda nos últimos anos e que convertéronse en todo un fenómeno de vendas, polo que parece que o éxito comercial deste novo produto retro está asegurado, cando menos nos EE.UU.

Tráiler no que a anuncian a data de lanzamento do THEC64 Mini

THEC64 Mini inclúe unha completísima colección de xogos

PUBLICIDADE