A tecnoloxía Tiivii de Cinfo esperta o interese da televisión xaponesa

luns, 13 de maio do 2019 Redacción

Paula Eiroa, de Marketing Cinfo, Andrea Funaro e Hirokazu Shimauchi, de TV Setouchi, Antonio Rodríguez, CEO de Cinfo, e Bernardo Riveira, COO de Cinfo

Cinfo, compañía galega de sistemas intelixentes audiovisuais, vén de esperar coas súas máis recentes contribucións o interese da televisión xaponesa, máis polo miúdo da cadea local TV Setouchi, que está a valorar a implantación no seu seo da tecnoloxía smart de Cinfo para a produción automática de vídeo na nube: a tecnoloxía Tiivii. Os representantes da dita canle, a única estación da rede de TV Tokyo Network que retransmite na rexión de Chugoku-Shikoku, visitaron este luns 13 a sede de Cinfo no edificio do Centro de Investigación TIC (CITIC) no Campus da Coruña.
O obxectivo da estadía en Cinfo dos profesionais asiáticos foi coñecer de preto o funcionamento de Tiivii e a súa posíbel aplicación para a retransmisión en directo de partidos de béisbol, fútbol americano e voleibol. No transcurso da xuntanza, o director executivo (CEO) da firma galega, Antonio Rodríguez del Corral, explicou aos responsábeis de contidos e solucións de negocio da TV Setouchi, Andrea Funaro e Hirokazu Shimauchi, as vantaxes da solución tecnolóxica de Cinfo, que, segundo incidiu Rodríguez del Corral, “permite gravar, realizar e emitir en directo e de forma automática encontros deportivos e eventos, sen necesidade de desprazar equipos técnicos, a través da instalación dun sistema de múltiples cámaras automatizadas con calidade 4K”.
Amais da actividade de hoxe, durante o fin de semana pasada os directivos de TV Setouchi tiveron a oportunidade de comprobar nalgunhas das instalacións deportivas que xa están a traballar coa solución de Cinfo en Galicia como funcionan as súas algoritmos intelixentes para realizar o seguimento automático do xogo, escollendo en cada momento os mellores planos.
A empresa galega lembra que se trata da segunda vez que representantes da cadea xaponesa visitan Cinfo, tras unha primeira toma de contacto realizada en novembro, como parte dunha misión comercial inversa organizada polo Clúster TIC. “Naquela cita”, engade a firma da Coruña, “as funcionalidades avanzadas de Tiivii e as súas posibilidades para optimizar o traballo dos equipos técnicos e de reducir de maneira substancial os custos de produción chamaron positivamente a atención da cadea xaponesa”.
A integración da solución galega no seo da TV Setouchi suporía “unha alternativa de baixo custo aos sistemas tradicionais de gravación, produción e distribución de eventos deportivos, pero con múltiples funcionalidades avanzadas e profesionais, como a realización remota na nube, a opción multicámara ou a realidade virtual, así como a posibilidade de introducir grafismos e estatísticas, a narración dun comentarista en directo, zooms na imaxe ou crear repeticións das mellores xogadas”, engade Cinfo.

PUBLICIDADE