A sucesora da Xbox podería precisar conexión á Rede e non permitir os xogos de segunda man

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Parece que entre os vindeiros días 20 e 21 imos poder coñecer o futuro de PlayStation nun acto que ten toda a pinta de servir para dar a coñecer o que será a PlayStation 4, o que está a achegar novos rumores sobre a que promete ser a súa principal competidora, a nova Xbox, que segundo revista EDGE podería ser máis revolucionaria do que se agardaba inicialmente, non só por achegar unha nova xeración de Kinect e funcionar con discos Blu-ray de 50 Gb, senón por detalles que poderían resultar moi polémicos, como pechar a porta aos xogos de segunda man e precisar que a consola conte a cada momento con acceso á Rede.
As informacións das que dá conta a publicación británica indicarían que Xbox LIVE sería unha parte integral da futura consola de Microsoft, aínda que seguirá sendo posible mercar xogos en formato físico; e á vez que se incorpora o formato de discos promovido inicialmente por Sony, dá a impresión de que tanto a compañía xaponesa como a de Redmond poderían ter coincidido na necesidade de evitar a venda de xogos usados (que supoñen un grande negocio para cadeas de tendas como GameStop e GAME, pero que non benefician directamente a distribuidoras e estudos de desenvolvemento).
Kinect tamén chegaría cunha revisión cunha maior precisión, e para poder converterse nunha característica explotada de xeito habitual incluiríase coa propia consola en vez de ser un accesorio aparte, o que podería contribuír ao aproveitamento masivo do recoñecemento de voz e do control por movemento.
Sobre as especificacións da nova consola, coméntase que funcionará cun procesador AMD de 8 núcleos a 1,6 GHz, con gráfica DirectX 11 a 800 MHz, e con 8 Gb de RAM. En vista do tamaño que poderían ter os xogos (e do pulo que podería tomar a súa compra como descarga) é de prever que a nova Xbox comercialícese cun disco duro dunha capacidade moi superior á que pode verse nas consolas actuais.

PUBLICIDADE