A serie galega 3 Camiños chegará a 240 territorios a través de Amazon Prime

mércores, 20 de xaneiro do 2021 Redacción

Esta mañá celebrouse a rolda de presentación da serie 3 Camiños, impulsada pola produtora Ficción Produciones e cun innovador plan de distribución que cubre 240 territorios a través da plataforma de streaming Amazon Prime Video (a partir do 22 de xaneiro). Na presentación de 3 Camiños participou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que lembrou que a produción conta co apoio do Goberno autonómico a través dunha achega de 1,5M€. Segundo fixo saber, a serie reflicte “o bo momento que está a vivir o sector audiovisual galego”.
Na rolda, Rodríguez felicitou ao equipo técnico e artístico da serie, e aos seus responsábeis, “por ser quen de culminar este proxecto en tempo, a pesares de que a pandemia interrompeu a rodaxe” no mes de marzo. Con “esforzo e determinación”, dixo, esta nova proposta audiovisual “foi un dos primeiros proxectos audiovisuais que retomou a súa actividade tras a parada obrigada pola crise sanitaria respectando os protocolos sanitarios”. Tamén destacou o feito de que se levar a cabo cuns servizos de produción 100% galegos e que o 80% do persoal técnico procede da Comunidade. Ademais, dixo que se estima que o proxecto chegará a unha audiencia potencia de 200 millóns de persoas.
O conselleiro de Cultura da Xunta estivo presente na rolda de prensa xunto co xefe de contidos de Prime Video en España, Ricardo Cabornero; a produtora executiva da serie, Mamen Quintas; o director, o ourensán Tito López Amado, e os protagonistas da serie. O responsábel de conducir o acto foi o actor Luis Zahera, que tamén forma parte do reparto.

Tráiler da serie

PUBLICIDADE