A semana que vén será posible gozar do multixogador en liña de PS4 de balde

xoves, 16 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Na actual xeración de consolas de videoxogos quedou establecida a subscrición de pagamento para o xogo en liña, e como aínda quedan moitos usuarios de PlayStation 4 que aínda non teñen unha subscrición a PlayStation Plus, entre o vindeiro día 22 ás 11:00 horas e até ás 00:59 horas do día 27 será posible gozar do multixogador en liña de PS4 de balde.
Deste xeito os xogadores de PS4 que non gocen de PlayStation Plus poderán empregar os modos de xogos en liña dos seus xogos favoritos sen ter que pasar por caixa, oportunidade que dende Sony confían que convenza a un bo número de usuarios para subscribirse unha vez probada a experiencia de poder xogar con amigos, familiares e xogadores doutros países a través da PlayStation Network.
Para gozar do xogo en liña durante os días indicados non será preciso inscribirse nin nada semellante, chegando con conectarse e xogar para poder gozar do xogo en liña, aínda que cómpre lembrar que con PlayStation Plus non só está dispoñible o xogo en rede para PS4, senón que tamén inclúe 6 xogos ao mes e descontos na PlayStation Store.

PUBLICIDADE