A sede da tecnolóxica Balidea acolleu a presentación da nova fichaxe do Obradoiro: Nacho Varela

xoves, 5 de setembro do 2024 S. P.

A sede principal da empresa tecnolóxica Balidea, situada en Santiago, acolleu a presentación de Nacho Varela, nova fichaxe do primeiro equipo do Obradoiro CAB para a vindeira tempada, unha presentación enmarcada na colaboración da firma TIC co club compostelán. Durante a presentación, o xogador estivo acompañado por Héctor Galán, director xeneral do Obradoiro, e Andrés Rodríguez, membro do comité de dirección e responsábel da área de Ciberseguridade de Balidea.
Nacho Varela Arroyo, nacido en Chile no ano 2000, desempéñase como base e chega ao Obradoiro para achegar a súa ampla experiencia en Primeira FEB, apoiada tanto polas súas estatísticas individuais como polos seus logros a nivel colectivo. Sen ir máis lonxe, a pasada campaña logrou o ascenso de categoría co ICG Força Lleida.
Andrés Rodríguez destacou o apoio de Balidea ao club desde hai máis de sete anos e desde a canteira: “Sen dúbida, somos Obra; e cónstanos que moitos dos nosos traballadores e traballadoras estarán cada fin de semana apoiando o equipo desde a bancada. Nacho, desde a súa posición de base, será unha peza clave para cumprir a principal ilusión da tempada”, comentou.
Balidea leva máis de 7 anos apoiando ao Obradoiro de diferentes xeitos. Por exemplo dando nome ao equipo cadete masculino do club, o Balidea Obradoiro, que encadea moitas tempadas representando a firma tecnolóxica no campionato de España. Por outra banda, a empresa fomenta a práctica deportiva do baloncesto apoiando a través da Fundación Obradoiro as actividades socio-deportivas que organiza o club entre nenos e mozos para axudar ao deporte galego de competición.
Ademais, ao longo da colaboración co club e desde o punto de vista tecnolóxico, Balidea achega solucións de apoio nos adestramentos para a análise de xogadas en tempo real.