A secretaria de Estado de Universidades e I+D+i visita a sede de Optare en Vigo

mércores, 5 de xuño do 2019 Redacción

A sede en Vigo da compañía Optare Solutions, referente en integración de sistemas en operadores de telecomunicacións, recibiu hoxe a visita da secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras Caballero. A estadía da titular de I+D+i no Goberno central veu acompañada do delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.
A visita incluíu unha visita ás dependencias centrais de Optare no Parque Tecnolóxico de Vigo e máis a presentación das principais liñas de traballo da compañía, moi centrada en proxectos innovadores do ámbito do 5G.
A secretaria foi recibida por Luis Sestelo, director executivo do grupo, Luis Alves, director xeral de Optare Solutions EMEA, e Xosé Ramón Sousa, líder tecnolóxico de Optare Labs, a unidade de investigación e desenvolvemento da firma galega.
Entre os ámbitos de traballo que máis espertaron o interese de Ángeles Heras situáronse as iniciativas de Optare no eido do estándar 5G, a tecnoloxía chamada a revolucionar radicalmente o noso xeito de comunicarnos (entre nós, entre nós e as máquinas, entre nós e os obxectos, etc). A titular de I+D+i tamén salientou o potencial dos proxectos da compañía galega en materia de optimización da calidade da experiencia entre os usuarios de telecomunicacións. Amais, a secretaria de Estado destacou os avances tecnolóxicos desenvolvidos por Optare, apoiados na longa experiencia (17 anos) da corporación galega no sector teleco, unha experiencia cimentada no seu traballo con máis de 30 operadoras de todo o mundo.
Luis Sestelo apuntou que “é un orgullo para Optare recibir nas nosas instalacións personalidades tan destacadas como de Ángeles Heras, que non fai senón constatar o interese na nosa compañía e as súas actividades por parte dos actores e autoridades máis relevantes en materia de innovación”.

PUBLICIDADE