A sección Arquitectura Tradicional Galega do Flickr supera as 1.100 imaxes

venres, 20 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A presenza da arquitectura tradicional galega segue a medrar na Rede. Máis polo miúdo no Flickr, a comunidade en liña de fotógrafos, onde o galego Xabier Feixoo ten aberto un caderno de imaxes collidas de múltiples recantos da nosa xeografía rural. O álbum en cuestión, que está aberto a todos os internautas que, amais de seren internautas, teñan especial interese pola tradición da construción galega e sexan seareiros da fotografía, vén de deixar atrás a liña das 1.100 imaxes. Segundo informa o propio Feixoo, a idea é seguir favorecendo o seu medre, convocando á maxima cantidade de afeccionados.
Como dixemos, o grupo inclúe capturas do patrimonio tradicional galego (de maneira preferente, arquitectura sen arquitectos). O abano de posibilidades é ben amplo, tal e como sinalamos a continuación. Na foto, Combarro fotografado por Carmo Linda.
Polo tanto, a listaxe de posibilidades é ben completa e dase acubillo a todo tipo de espazos e construcións: airas/eiras, alpendres, alvarizas, batáns, capelas, casas-vivendas, cerres, chozos, curros, fabricas de curtidos, ferrerías, fontes, fornos, hórreos, lavadoiros, muiños, oleiras, ouriceiras, palcos, palleiras/palleiros, pallozas, pendellos, pesqueiras, pombais, pontes (só pontellas, pasadoiros), pozos, sequeiros, socalcos, telleiras, valados, etc). E petos de ánimas e cruceiros.
Por certo que Xabier tamén segue a manter activa unha web da que xa temos falado en Código Cero e onde dá conta do pasado do seu concello, Sandiás, co fin de poñelo en valor e mantelo vivo a través da Rede.

PUBLICIDADE