A saga de xogos de condución GRID terá unha nova entrega en xuño

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

Codemasters está a preparar o retorno da saga de xogos GRID (descendente de TOCA Touring Cars), e o título que collerá o relevo da franquía será GRID Autosport, título de condución que vai elevar o listón considerablemente dende o anterior GRID 2, aínda que sen atreverse a dar o salto á nova xeración de consolas, xa que polo momento só está confirmada a súa chegada a PC, Xbox 360 e PlayStation 3 o vindeiro 27 de xuño.
Este novo título creouse en base ao feedback recibido durante as correccións e a publicación de novo contido para GRID 2, o que levou aos seus responsables a ter que ponderar os cambios que terían que incluír na nova entrega para manter o interese dos usuarios e conseguir unha experiencia superior. Entre os cambios, GRID Autosport contará cun control máis auténtico (aínda que sen chegar a ser un simulador puro) que nótase especialmente cando manexamos vehículos de distinto tipo; contarase con distintas modalidades de condución (en función do tipo de pista e de vehículo); o número de localizacións coas que chegará de 22 (que combinándoo con varias rutas daría un total de 100) de xeito que tería máis circuítos que Race Driver: GRID e GRID 2 xuntos; gozará dun modo carreira no que poderemos competir cun compañeiro para facilitarnos certas tácticas para superar aos rivais; e tampouco faltará un modo multi-xogador baseado en RaceNet, de xeito que incluso poderemos unirnos aos novos amigos para poder competir xuntos contra outros equipos.
Nas vindeiras semanas publicarán máis detalles sobre este título que xa ten o seu trailer de presentación:

PUBLICIDADE