A revolución do audiovisual na Rede, polo miúdo na segunda edición de Carballo Interplay

martes, 7 de abril do 2015 Redacción

Presentación da nova entrega do festival /Imaxe: Tamara de la Fuente

Quen escoitara falar de webseries e queira ampliar os seus coñecementos sobre a materia, vai poder facelo os vindeiros días no festival Carballo InterPlay (CIP), unha cita referencial sobre este fenómeno tecnolóxico-audiovisual a nivel galego e estatal (pioneira dende as dúas ópticas xeográficas). O certame, que vai pola súa segunda entrega, celébrase os días 16, 17 e 18 de abril. As webseries, para quen ande despistado e non o saiba (malia todo o camiñado xa e malia o explícito do seu nome, web+serie), son series creadas para seren distribuídas a través de Internet e inseridas nas novas correntes e hábitos que contribúen a que a ollada dos seareiros da TV se dirixa á Rede, e viceversa: que quen ande na Internet sexa tamén espectador. A segunda convocatoria de CIP foi presentada os días pasados.
No encontro cos medios, o Concello de Carballo, organizador do festival, fixo saber que o seu obxectivo é abrir novos camiños para a cultura, apoiar aos nosos profesionais que queiran facer cousas novas e, ao mesmo, tempo, afianzar a puxante cidade galega na rede de localidades que decote se adoitan vencellar coa creatividade e a vangarda tecnolóxica.
O Concello, xa falando máis en concreto, adiantou na cita cos medios que este ano hai unha serie de novidades a ter moi en conta. Por exemplo: que se habilitará unha sección internacional ben definida e estruturada con webseries chegadas de México, Arxentina, Francia, Brasil ou Reino Unido, entre outros países. Ademais, o programa de actividades estenderá o seu radio de alcance cara aos novos formatos da produción audiovisual, lindeiros coas webseries e centrados (tamén) en explorar as potencialidades de Internet “como medio para a narración, o humor, a non ficción, o patrimonio audiovisual ou as performances interactivas”. Dito doutro xeito: este ano darase acubillo no programa a todo tipo de propostas.
Seguindo coa análise da axenda de actividades previstas, a organización fixo saber que “as mañás do festival estarán reservadas no Fórum Carballo a diversas actividades paralelas destinadas a ver desde varios ángulos a industria dos contidos dixitais e as distintas formas en que Internet nos axuda a facer humor, a preservar a nosa memoria colectiva ou a rebuscar no noso código fonte audiovisual”. Polas tardes, o Pazo da Cultura é o escenario elixido para a proxección das 43 webseries da sección oficial, escolleitas entre as 144 enviadas ao festival. Asemade, as tardes serán o intre das estreas: o xoves 16 cun novo capítulo de Entertainment dos creadores de Malviviendo e coa película Searching for Meritxell; o venres 17 cunha batalla audiovisual cos artífices de Venga Monjas e Malviviendo; e o sábado 18 coa Gala de peche. Segundo engadiu o Concello, outra das grandes novidades é o Interfight: I Encontro de labazadas audiovisuais, unha regueifa audiovisual que manterán Xavi Daura e Esteban Navarro de Venga Monjas, convidados especiais deste CIP, e David Sáinz e Teresa Segura de Malviviendo, padriños do CIP. Esta actividade consiste, en palabras dos seus impulsores, nunha "batalla de vídeos a través da proxección de pezas audiovisuais sacadas de Internet e mesmo realizadas polos propios protagonistas co obxectivo de enfrontarse entre eles poñendo a proba os seus coñecementos e implicando tamén ao público asistente”.
Outro dos puntos fortes do certame chegará o sábado 18 de abril, coa presentación en público de Proxecto Neme: a memoria audiovisual de Carballo, unha iniciativa coordinada pola produtora, profesora e investigadora Beli Martínez na que, xunto con alumnado e profesorado do IES Parga Pondal de Carballo, traballa pola recuperación da memoria audiovisual da localidade. A proposta, inspirada no Proxecto Socheo da Guarda, exporá os seus achados durante o festival.

PUBLICIDADE