A revista Wired alza a Rock Band coma o xogo do ano

xoves, 20 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Cando se achega o remate do ano moitas publicacións procuran facer un repaso do ano destacando os mellores produtos que chegaron, e no mundo dos videoxogos parece que hai bastante consenso sobre os títulos máis relevantes, pois tanto CNet como a revista Wired coincidiron na meirande parte dos seus Top 10, proclamándose coma xogo do ano Rock Band (segundo Wired).
A listaxe elaborada pola revista de San Francisco nace das opinións de Chris Kohler, Susan Arendt, Chris Baker e Lore Sjöberg, e destaca, por esta orde, os títulos Rock Band, Super Mario Galaxy, BioShock, The Orange Box, The Lengend of Zelda: Phantom Hourglass, Mass Effect, Call of Duty 4, Crysis, Desktop Tower Defense e Crackdown. Esta relación de xogos constataría o feito de que as consolas de alta definición están a contar cons mellores títulos, seguidos do PC, mentres que as consolas portátiles e a Wii non contan con tantos videoxogos memorables.
Pero a listaxe da revista Wired parece esquecer a algúns títulos que si aparecen na listaxe elaborada por CNet, coma son God of War 2, Uncharted: Drake’s Fortune e Halo 3, deixando fóra da relación o xogo de Zelda, The Orange Box e Crackdown. Esta última relación de títulos parece máis realista, pois non se comprende a ausencia de Halo 3 (un dos grandes trunfos comerciais do ano para Xbox 360) ou de God of War 2 (un xogo que podería marcar o máximo nivel de desenvolvemento ó que pode chegar a PS2, e que podería permanecer no esquecemento dos redactores de Wired por terse estreado na primeira metade do ano).

PUBLICIDADE