A revista Marca Player publica o seu derradeiro número este mes

luns, 4 de xuño do 2012 Marcus Fernández

En setembro de 2008 Unidad Editorial sorprendeu traendo aos quioscos a revista de videoxogos Marca Player, que non só chegaba nun momento no que as publicacións impresas sobre tal temática estaban a experimentar unha crise notable (precisamente poucos meses despois pecharon en España as revistas EDGE e SuperJuegos Xtreme), senón que partía dun prezo de portada moi agresivo (1,9 euros, que co tempo pasou a 2,5 euros).
Pero o esforzo por achegar uns contidos variados que procuraban un equilibro entre numeroso público (de xeito que incluso os lectores adultos podían atopar material de interese nas súas páxinas) non se veu recompensado como é debido, e o vindeiro 22 de xuño publicarán o número 46, que será unha entrega moi especial dedicada á feira E3, que contará con imaxes en exclusiva do xogo Dead Space 3, e servirá de despedida da revista.
Con esta sangría editorial dá a impresión de que, ante a crise do papel, a única cabeceira dedicada aos videoxogos multi-plataforma en España será Hobby Consolas, que leva máis de vinte anos informando sobre o sector e, pese a ter unha calidade moi inferior á dos seus competidores, conseguiu monopolizar o sector.

PUBLICIDADE