A rede SmartPEME achega en xullo 27 obradoiros TIC

martes, 9 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, continúa a súa actividade este mes de xullo, con novas accións encamiñadas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 14 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e Porriño. A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras catro en Cambados, ás que cómpre engadir os cinco obradoiros de Lalín. En total, 27 obradoiros polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de xullo os seguintes obradoiros: Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, o xoves 11 de xullo, ás 19 horas. O martes 16, ás 17 horas, terá lugar Crea unha Páxina Profesional con Wordpress. O xoves 18 de xullo, ás 17 horas, impartirase Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística. A última acción formativa deste mes será Woocommerce: a Solución que Buscabas para Vender por Internet, o martes 23, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes 9, ás 19 horas, o curso O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. Logo, Pluggins de Wordpress para Mellorar a túa Web chegará o martes 16, ás 19 horas. O xoves 18, ás 19 horas, impartirase Emprego de Vídeo nas Redes Sociais: Youtube. A acción Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística terá lugar o martes 23, ás 17 horas. E, por último, o martes 30, ás 19 horas, celebrarase Fotografía para Xoiería. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Por último, as quendas para o mes de xullo na oficina de Ponteareas comezan o xoves 11, ás 17 horas con Empresas de Actividades Turísticas e Plataformas de Comercialización en Liña. A seguinte acción será O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso, o martes da semana seguinte, día 16, ás 19 horas. O curso Obtén Valor dos teus Datos con Google Data Studio chegará a Ponteareas o xoves 18, ás 18 horas. O martes 23 de xuño, ás 19 horas, impartirase Vende Produtos en Liña con Campañas de Google Shopping. E, para rematar, Crea unha Páxina Profesional con Wordpress terá lugar o martes 30, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.
No que se refire a Cambados, a primeira cita é este martes 9 de xullo, ás 17:00 horas, coa acción Motores de Reservas para Empresas Turísticas. O martes 16 levarase a cabo o obradoiro Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, ás 19:00 horas. A terceira acción, Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop impartirase o martes, 23 de xullo, ás 18:00 horas. E, por último, Xestiona o teu Negocio desde o Móbil impartirase o martes 30 de xuño, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados atópase no Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada s/n.
O programa da sede da Deputación en Pontevedra comeza con Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, que se desenvolve este 9 de xullo a partir das 18.00 horas. O seguinte será o martes 16, cando a partir das 19.00 horas terá lugar o obradoiro Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web. O terceiro curso será Crea a túa Tenda en liña con Prestashop, que se celebra o martes 23 de xullo, ás 18.00 horas. Por último, o martes 30, ás 18.00 horas é a quenda do curso Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais.
A nova cita do mes na oficina SmartPEME de Lalín será este xoves 11 de xullo, ás 19.00 horas, en concreto o curso Mellora a túa Páxina Web e Posiciónaa en Buscadores. O martes 16, ás 17.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Motores de Reservas para Empresas Turísticas. A seguinte cita será o xoves 18, cando a partir das 19.00 horas terá lugar Mide os teus Obxectivos en RRSS: Análise de Estatísticas. O martes 23, ás 19.00 horas, é a quenda de Google Calendar, Moito máis que unha Axenda. Por último, o mércores 31, ás 19.00h chegará o obradoiro O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE