A rede 4G de Yoigo chega a Ferrol, Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo
venres, 20 de decembro do 2013
A tecnoloxía 4 non só
está máis preto para os galegos senón que tamén se amplía o
abano de opcións. Así, podemos elixir dende as principais cidades
os servizos de Vodafone,
Telefónica
e Orange,
pero tamén (a partir de xa) os do operador Yoigo,
que anunciou que esta mesma semana comeza a funcionar (antes de que
remate o ano) a súa rede 4G nas provincias da Coruña (A Coruña,
Ferrol e Santiago) e Pontevedra (para as cidades de Vigo e
Pontevedra).
Asemade, antes de que
conclúa 2013 estará xa operativa en Áraba, Albacete,
Almería, Asturias, Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Cidade Real,
Guadalaxara, Guipúscoa, Murcia, Toledo e Zaragoza. Asemade, atópase
dispoñíbel nas provincias de Madrid, Málaga, Valencia, Barcelona,
Alacante, Sevilla, Castelló, Córdoba, Xirona, Huelva, Tarragona e
Biscaia.
A rede 4G de Yoigo, que
se ofrece aos usuarios sen ningún tipo de custo adicional chega polo
tanto a un total de 90 concellos estatais distribuídos en 27
provincias, e está previsto que durante o primeiro trimestre de 2014
a rede 4G de Yoigo cubra máis de 100 cidades das 50 provincias
españolas: todas as capitais de provincia e polo menos todas as
cidades de máis de 70.000 habitantes. Con este despregamento, a rede
4G de Yoigo terá unha cobertura do 48% do territorio nacional,
informan fontes da empresa.
Lembrar que o operador
está a despregar a súa rede 4G na banda de 1.800 MHz, a banda que
se está a converter no estándar de roaming internacional en
4G, e que permite velocidades de baixada dun máximo de 75 Mbps,
cunha media de entre 20 e 40 Mbps. No caso de que Yoigo destine os 15
MHz dos que dispón na frecuencia de 1.800 MHz a 4G, a velocidade
máxima de baixada podería chegar a 112 Mbps.