A realidade mixta tamén pode moverse con procesadores Qualcomm

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Raymond Wong probou as innovadores lentes de ODG no CES.

Mentres a tecnoloxía HoloLens de Microsoft continúa afastada do mercado sen unha data para a súa comercialización, hai compañías que buscan explorar o mesmo concepto de combinación da realidade virtual e a realidade aumentada (o que Microsoft chama realidade mixta) e así no CES de Las Vegas pode verse a ODG, compañía que presenta as lentes R-8 e R-9 AR/VR, que poden considerarse como unha versión de baixo custo e grande portabilidade da tecnoloxía de Microsoft, que optan por procesadores Qualcomm Snapdragon 835 para manexar as pantallas agochadas nas lentes, unha cámara frontal que capta a realidade e os sensores de posición desta solución moi interesante.
Por exemplo, as lentes R-8 AR/VR contan cunha pantalla de 720p para cada ollo (o que permite que o seu prezo sexa de 1.000 dólares), mentres que as lentes R-9 AR/VR elevan a resolución até 1.080p (elevando o prezo aos 1.800 dólares), conseguindo así unha definición bastante boa, como tamén a súa cámara de 13 Mpíxeles (capaz de gravar 4K a 60 imaxes por segundo ou Full HD a 120 imaxes por segundo). Esta solución tamén integra Bluetooth 5.0, Wi-Fi AC, GPS, sensores de movemento, micrófonos duais e micrófonos direccionais, ou sexa, toda unha serie de tecnoloxía que facilita que podamos gozar dunha realidade aumentada estereoscópica que confían que poida ter grandes usos prácticos e que polo momento parece padecer a mesma eiva que a solución de Microsoft: unha reducida amplitude de campo.