A realidade mixta de Microsoft chegará ao mercado de cara ao Nadal

luns, 28 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Este mes Microsoft iniciou a venda de cascos de realidade mixta para desenvolvedores, deixando claro que quería que houbese contidos que aproveitasen esta tecnoloxía cando chegue a actualización de outono de Windows 10, que serán a que incorpore a tecnoloxía coñecida como Windows Mixed Reality, que promete a democratización das tecnoloxías de realidade virtual sentando as bases dunha plataforma cun hardware cada vez máis asumible, de xeito que poderían conseguir unha penetración no mercado moito máis forte da que actualmente teñen as Oculus Rift e HTC Vive, que pese á súa relativa madurez están moi afastadas do grande público.
Mentres outras compañías se centraban na realidade virtual pura, dende Microsoft xa anunciaran en 2015 que preferían ser máis ambiciosos e mesturar tal tecnoloxía coa realidade, para o que desenvolveron HoloLens, un produto moi revolucionario pero extraordinariamente caro (inicialmente vendíanse por 3.000 dólares), que sentou unhas bases moi prometedoras que posibilitaron o seguinte paso, o dos cascos de realidade mixta para Windows, que finalmente chegarán ao mercado na campaña de Nadal a través de distintos partners de Microsoft.
Estes novos cascos buscan ser doados de instalar (evitando a instalación de sensores na habitación para detectar os movementos do usuario), ter un prezo asumible (os cascos custarán a partires de 399 dólares e funcionarán en ordenadores que custen a partires de 499 dólares, ou sexa, que custarían a metade que as solucións coas que compiten actualmente) e permitir que o usuario teña distintas opcións (ao ser unha plataforma poderán comercializarse cascos de numerosas marcas e deseños, e incluso diferir en características).
Para a realidade virtual convencional é preciso contar cun ordenador dunhas prestacións sumamente elevadas, que é algo do que Microsoft quere fuxir, de xeito que ofrecerán dous niveis ben diferenciados de experiencias, en función da potencia do equipo informático: co equipos con gráficas integradas e potencia limitada os cascos correrán a 60 imaxes por segundo, mentres que en ordenadores máis potentes, con gráficas discretas, os cascos poderán moverse a 90 imaxes por segundo. Ambas configuracións permitirán gozar do vídeo inmersivo e de videoxogos, só que mudará considerablemente a calidade de imaxe e o nivel de inmersión conseguido (xa que a velocidade de refresco da imaxe xoga un importante papel á hora de somerxer ao usuario nos mundos virtuais).
Pero o máis interesante do que vén de anunciar Microsoft é que non será preciso que agardemos unha chea de meses para ver contidos inmersivos para os novos cascos, senón que os contidos de realidade virtual que están dispoñibles en Steam serán compatibles, de xeito que o Nadal será un momento ideal para dar o salto a esta tecnoloxía emerxente, que busca facernos viaxar virtualmente a lugares afastados ou a mundos imaxinarios, facernos vivir experiencias máxicas e incluso xerar hologramas ao noso redor que poidan supor un grande cambio no xeito de entender a informática persoal no futuro.

Novo vídeo promocional da realidade mixta de Windows 10

PUBLICIDADE