A rapazada ten este sábado unha cita coa programación en Ourense: A Hora do Código

venres, 18 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vai ser tomada este sábado por rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos, todas e todos coa arela común de converterse en programadoras e programadores. Estamos a falar da celebración galega do acontecemento internacional A Hora do Código, impulsado a nivel mundial pola organización Code.org e, a nivel galego, pola ESEI de Ourense e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A cita será entre as 9.00 e as 19.30 horas, e haberá unha manchea de obradoiros creativos e participativos sobre as máis variadas vertentes da creación tecnolóxica (videoxogos, drons, impresión 3D, Arduino, programación con Scratch, etc). Por certo que ás 11.50, no salón de actos da ESEI, haberá unha presentación a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director da escola, Francisco Rodríguez.
A finalidade da xornada é achegar dunha forma lúdica e divertida o mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, pretende estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. A xornada desenvolverase nas aulas do edificio politécnico do campus de Ourense de 9.00 a 19.30 horas, con prazas dispoñíbeis para arredor duns 300 rapaces e rapazas que poderán estar acompañados na aprendizaxe polos seus proxenitores. As actividades desenvolveranse coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas TIC no ámbito educativo.
Francisco Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, saliento os días pasados que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”.
Durante a celebración impartiranse en paralelo diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cinema e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual e Nenoos Tech. Haberá un obradoiro de iniciación á programación, no que as e os participantes (de 6 a 10 anos) aprenderán a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen. Tamén haberá talleres de iniciación á programación con Scratch, para rapazas e rapaces de 10 e os 18 anos, e de iniciación á programación con Arduino, destinado ás mesmas idades.
Asemade, o programa inclúe actividades de cinema e vídeo en 3D (na que afondarán na creación dun escenario de animación empregando Alice 3.0) e sobre impresión en 3D (na que se amosará como se fan pezas e se traballa con impresoras deste tipo). Tamén haberá obradoiros sobre drons e sobre realidade virtual.
As actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está dispoñíbel na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

PUBLICIDADE