A rapazada de Vigo contribúe ao desenvolvemento dun videoxogo sobre protección mariña

xoves, 30 de xuño do 2022 S. P.

O proxecto Misión Azul continúa avanzando nos seus obxectivos de alfabetización científica mariña. Desta volta, poñendo o foco na dixitalización e na gamificación, dous aspectos que espertan gran interese entre as novas xeracións. Segundo informou a UVigo, arredor de 70 rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria do Colexio Alborada e de 1º da ESO do IES Valadares de Vigo desfrutaron estes días “en primicia” dos primeiros avances do videoxogo educativo creado ao abeiro do proxecto promovido polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo en colaboración con AtlantTIC e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e co-financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Ao longo de dúas xornadas, o alumnado destes dous centros puido ver algunha das escenas coas que contará o videoxogo e probar as mecánicas do personaxe principal, Blu, que é, en palabras dos creadores, “un urbanita do seu tempo, sempre á última en tecnoloxías, que vai pasar o verán á casa dos seus avós nun pobo mariñeiro nunha pequena illa atlántica”.
Durante as probas a rapazada foi facendo as súas contribucións particulares e colectivas cun formulario con diferentes preguntas sobre a ficción, a interface e outros aspectos do xogo de Misión Azul e propuxeron algunhas valoracións, opinións e achegas que se poderán incorporar ao proxecto.
Segundo salienta Antonio Pena, investigador de AtlantTIC e membro do equipo que presentou o xogo nas aulas, este é unha aventura gráfica de exploración e combate, onde o xogador ou xogadora deberá resolver diferentes problemas que van aparecendo ao longo do xogo para axudar a Blu a frear a paulatina degradación da illa na que se atopa. Para iso contará coa axuda da Doutora Mar e dos consellos do seu avó, un pescador xa retirado. “Trátase dunha aventura na que o usuario ou usuaria irá coñecendo a diferentes personaxes aos que convencer a través dos coñecementos sobre cambio climático e o perigo dos océanos que se van adquirindo ao longo do xogo”, explicou, engadindo que a experiencia “resultou moi positiva para todo o alumnado”. De feito, rapaces e rapazas destacaron a trama do xogo e que “se trate dunha ferramenta interactiva, entretida, intuitiva e con gran presenza da parte ilustrativa para continuar a historia”.
O equipo do proxecto Misión Azul volverá ás mesmas aulas cando o videoxogo estea rematado para que poidan xogalo de forma máis ampla e dar a súa opinión sobre o resultado. Por outra banda, a finais de setembro visitarán varios centros educativos de Vigo, Tui, Pontevedra e Vilaboa para que proben o xogo e poder recoller máis impresións e achegas.
Misión Azul é un proxecto innovador que fusiona catro disciplinas como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica para “crear un videoxogo para achegar a ciencia e a tecnoloxía dun xeito ameno, directo e divertido a rapaces e rapazas e facelo extensivo ao resto da sociedade”, en palabras de Daniel Rey, director do CIM-UVigo e investigador principal do proxecto, que engade que esta iniciativa nace tamén “co obxectivo de promover vocacións STEM espertando na nosa mocidade a curiosidade e a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver”.
O videoxogo complementase con dúas unidades didácticas e outra serie de ferramentas didácticas “enfocadas a todas aquelas persoas que acompañan a rapaces e rapazas durante a súa educación e que lles permitirá seguir afondando en contidos sobre os sete principios básicos da alfabetización oceánica, os efectos do cambio climático sobre o océano ou sobre o papel da investigación na súa prevención, mitigación e xestión”.
Para esta adaptación didáctica dos contidos científicos, a profesora da facultade de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén traballa man a man con persoal docente e investigador do CIM-UVigo e con Alberto García, docente experto na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo e representante na Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECE), que aglutina a 600 cooperativas de ensinanza e centros educativos a nivel nacional.
A actividade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu co-financiamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

PUBLICIDADE