A rapazada de Ames prepárase para converter YouTube nun rebulir de vídeos en galego

venres, 29 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A produtora Illa Bufarda, a través das súas impulsoras Sabela Iglesias e Adriana Villanueva, acudiron os días pasados aos IES de Bertamiráns e Milladoiro (Ames) para mostrar perante as alumnas e os alumnos de terceiro de secundaria as posibilidades creativas que ofrecen as novas tecnoloxías da información: tanto á hora de deseñar unha obra audiovisual como á hora de filmala, montala, exhibila e distribuíla. Nas sesións coa rapazada de Ames fixeron un repaso polos obxectivos do concurso Youtubeir@s (que convida á xente nova a encher as redes de vídeos en galego) polas cousas que se precisan para subir contribucións a YouTube. Para facer fincapé nisto, proxectaron algunhas das obras gañadoras das anteriores edicións do dito certame.
As sesións de Iglesias e Villanueva insírense no programa de divulgación de Youtubeir@s. Serven tamén para que as mozas, os mozos e o profesorado descubran a mellor maneira de compartir a través da rede as súas ideas, opinións ou habilidades. Así, durante os faladoiros, as relatoras amosaron diferentes maneiras de comunicar unha idea e os pasos a seguir á hora de realizar un vídeo atractivo. Á charla do día 28 (a que se celebrou en Bertamiráns) asistiron arredor de 130 persoas. As sesións viñeron da man do Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), que é un dos co-impulsores do concurso por terceiro ano consecutivo, xunto cos Gobernos locais da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo. A estas entidades cómpre engadir as nosas tres universidades e maila Deputación da Coruña.
Como dixemos, as sesións de Ames entran dentro da liña formativa do Proxecto Youtubeir@s. Esta vertente educativa materialízase este en ano en cursos e obradoiros destinados sobre todo á comunidade educativa, por ser o alumnado dos nosos centros educativos (integrado por nativas e nativos dixitais) o principal destinatario do concurso, malia o seu arácter interxeneracional. En base a isto, o proxecto achégase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

PUBLICIDADE