A protección do software, ao detalle nunha xornada no CITIC

martes, 19 de febreiro do 2019 Redacción

O 27 de febreiro a sala Cloud do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá unha xornada formativa sobre unha temática na que deben reparar todos aqueles profesionais, investigadores, grupos e entidades que se adiquen ao desenvolvemento de programas, e non só eles, senón tamén os restantes desenvolvedores e mailos destinatarios últimos. Estamos a falar da xornada A protección do software. Dereitos de autor e patentes, organizada pola OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación) da UDC e o CITIC, en colaboración coa Oficina Española de Patentes e Marcas.
Os principais obxectivos desta xornada son dar a coñecer as posibilidades de protección do software desde un punto de vista legal e estratéxico e impulsar o uso da información de patentes no mundo universitario.
Segundo explican as entidades organizadoras, a irrupción das novas tecnoloxías nos mercados tradicionais supón un cambio substancial, “onde o software configúrase como o activo de numerosos negocios dixitais”; a isto cómpre engadir a necesidade crecente de protexer coñecementos xurdidos da investigación, unha práctica que, engaden, está cada vez máis valorada. Neste punto concreto, a xornada tentará achegar respostas para a definición das estratexias de actuación dos grupos de investigación da UDC.
A sesión está dirixida a investigadores do CITIC, membros da comunidade universitaria e empresas colaboradoras. A inscrición é de balde e pode formalizarse ata o 25 de febreiro ás 14:00 horas a través dun formulario específico.

PUBLICIDADE