A presentación dos primeiros xogos de PS5 adíase por mor dos disturbios nos EE.UU.

luns, 1 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Estaba previsto que o vindeiro xoves ás 22:00 horas tivese lugar o evento de presentación dos primeiros xogos confirmados para PlayStation 5, que podería seguirse globalmente por YouTube e Twitch, pero que finalmente decidiron adiar a súa celebración de xeito indefinido ante a actual situación nos EE.UU. por mor das protestas cidadás contra o racismo.
Dende Sony aseguran que entenden que os xogadores de todo o mundo estean ansiosos por saber máis dos xogos que estarán dispoñibles para a futura PlayStation 5, pero consideran que este nun é un bo momento para celebracións, e prefiren apartarse para permitir que «poidan escoitarse outras voces importantes».
Nos últimos meses a comunicación de cara á vindeira xeración de consolas de videoxogos veuse interrompida por mor da crise da COVID-19, e agora temos un conflito social que non debería ter impacto ningún na industria do videoxogo, pero co que por sensibilidade Sony prefire non interferir realizando presentacións importantes que desvíen a atención.
Cando as augas calmen, Sony retomará un calendario de presentacións bastante completo conforme deron a entender os últimos días, xa que a cancelación da feira E3 permite que as compañías poidan repartir os seus anuncios durante moitas semanas, de xeito que as distintas novidades para a mesma plataforma non teñen que competir pola atención como acontecía nas grandes feiras do sector.

PUBLICIDADE