A presentación do Apple Watch dispara a demanda dos Pebble Time
luns, 16 de marzo do 2015
O
mercado dos smartwatches esperaba mellorar a súa saúde co lanzamento do Apple
Watch, pero finalmente parece que non terá que agardarse ao lanzamento do
reloxo de pulso de referencia, xa que a súa mera presentación de prezos xa está
a ter efectos positivos, como puido testemuñarse dende a
campaña de micromecenado dos novos Pebble Time, que xa está a achegarse aos
19 millóns de dólares recadados (o anterior record
de recadación en Kickstarter estaba nos 13,29 millóns millóns) grazas en boa
medida a que a presentación de Apple dobrou
o ritmo de captación de mecenas.
O día anterior á presentación de Apple os Pebble Time rexistraban achegas de
6.000 dólares cada hora de media en Kickstarter, pero ao día seguinte o volume
de cartos ingresados pasou a unha media de 16.000 dólares, o que xa case
triplicaría a actividade anterior, o que é un importante logro que demostra o
poder de arrastre que ten o trebello da compañía da mazá.
Os motivos deste incremento nas achegas aos novos reloxos de Pebble poderían
atender a que o Apple Watch espertou un interese xeral por esta gama de
produto, pero tamén podería tratarse dunha reacción máis directa, xa que os
prezos do reloxo de Apple poderían ter espantado
a certos consumidores que optarían por propostas máis asumibles. Lembremos que
o produto que inicialmente se anunciaba a un prezo de “dende 349 dólares”
chegará a mercados como o francés o vindeiro día 24 a un prezo que partiría dos
399 euros para o modelo con caixa de 38 milímetros e de 449 euros para o modelo
con caixa de 42 milímetros, ambos prezos para a versión deportiva, mentres que
a versión de aceiro partiría dos 649-699 euros e chegaría até un rango de
1.099-1.249 euros para o modelo con correa metálica de malla, mentres que a
versión equivalente destes últimos da familia Pebble, o Pebble Time Steel,
venderíase a 250 dólares (236,80 euros).
Dende Pebble consideran que a entrada de Apple no seu sector supón a validación
do mesmo, polo que prevén un grande ano moi positivo para eles.