A prensa galega e os seus procesos de transformación no dixital, ao detalle na Cidade da Cultura

venres, 25 de maio do 2018 Redacción

O vindeiro 8 de xuño celébrase na Cidade da Cultura un encontro para visualizar, polo miúdo, o que cambiou o xeito de facer xornalismo dende o primeiro intre en que se formalizou a profesión como tal, abrindo tamén unha xanela ás transformacións experimentadas polos lectores, poñendo o foco na chegada do tecnolóxico. A xornada Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital contará coa participación de reputados expertos galegos en comunicación. Por exemplo o director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora, que abordará o uso das hemerotecas dixitais como fonte de investigación.
Tamén intervirán o catedrático da USC, xornalista e antigo decano da Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela Xosé López García (que centrará o seu relatorio na prensa comarcal galega e nos seus retos de dixitalización), a decana da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, María Isabel González Rey, ou o presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia, José Manuel Suárez Sandomingo (que falarán do devir na historia de La Voz de Ortigueira).
Helena Verdía e Noelia Bascuas, do equipo técnico de Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia, xunto co investigador Enrique Santos Gayoso, farán un repaso pola obra Historia da Prensa en Galicia.
Ademais, o xefe do servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján, falará sobre a colección hemerográfica de Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia.
Pola súa banda, Lola Rodríguez Fuentes, de Xestión de Coleccións de Publicacións Seriadas da Biblioteca Nacional de España, e Paquita Navarro, responsábel da Unidade de Dixitalización da Biblioteca de Catalunya, avaliarán os fondos de publicacións periódicas que se achan nos arquivos das bibliotecas nas que desenvolven o seu labor.
A cita inaugúrase ás 9.30 horas da man do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luís Barreiro Rivas.
Por certo que ao longo da mañá, Sofía Vázquez e Miguel Silva debullarán o proxecto para executar a dixitalización de La Voz de Galicia.

PUBLICIDADE