A pontevedresa Lucía Rodríguez Peña gaña o concurso de postais de Nadal do CPEIG

venres, 20 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Como cada ano por estas datas, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (o CPEIG) quere celebrar as festas do remate do ano cun certame para estimular a creatividade das nenas e nenos: o concurso de postais de Nadal do CPEIG. Pois ben, hoxe mesmo a entidade profesional que preside Fernando Suárez deu a coñecer a identidade da persoa gañadora desta oitava convocatoria: a pontevedresa Lucía Rodríguez Peña, de 13 anos, que participou co seu deseño na categoría B, a dirixida a rapazas e rapaces de entre 13 e 18 anos. O xurado votou por unanimidade pola súa creación, que pasará, como é costume, a converterse na postal institucional de felicitacións do CPEIG para estas festividades.
A postal de Lucía foi presentada polo seu pai, o colexiado Manuel Rodríguez Salgado. O debuxo mostra unha pantalla do Scratch, un programa moi utilizado actualmente en educación, na que os botóns aparecen representados polos bos desexos do Nadal: traballo, paz, amor, saúde, felicidade, amizade ou alegría e a tradicional felicitación de Bo Nadal. A pequena tamén engadiu un detalle referente á oitava edición do concurso, escribindo CPEIG 8.0 no encabezado.
Como dixemos, o traballo de Lucía será a postal oficial coa que o CPEIG felicite as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Recibe os nosos mellores desexos para este Nadal e o novo ano 2020 que comeza. De agasallo a rapaza recibirá uns auriculares sen fíos.
Ademais, nesta edición do concurso creáronse dúas modalidades de participación, a categoría A para nenos de 3 a 12 anos, e a categoría B para rapaces de 13 a 18 anos. Así pois, o gañador da categoría A foi Candela Santiago, unha nena de Ames de nove anos de idade que recibe de premio unha tableta.

PUBLICIDADE