A plataforma de ecommerce Ribeira Store xa conta con 88 negocios adheridos

xoves, 23 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Ribeira fixo balance este xoves da actividade xerada até o momento pola plataforma de comercio electrónico Ribeira Store, mergullada estes días nunha campaña para captar empresas locais participantes. Segundo se informou, a campaña (que durará un mes) vai a día de hoxe polo seu ecuador. Ao longo deste tempo (trece días), xa foi quen de xuntar 88 negocios.
Estes e outros datos foron achegados no Consistorio, onde se fixo un novo chamamento ao tecido empresarial do municipio para que coñeza e se anote nesta “innovadora ferramenta dirixida a dinamizar o noso comercio local que pode servirse dela gratuitamente”, explicaron os concelleiros de Innovación Tecnolóxica e de Promoción e Dinamización Económica, Ana Barreiro e Ramón Doval.
Na cita tamén participaron Edelmiro Justo como director da empresa TokkApp, que está a deseñar plataforma, e de tres representantes da cooperativa local Centro Tecnolóxico do Barbanza (Jorge Parada, Lola Gómez e Lisardo Vilar), que se están a encargar de dala a coñecer “porta a porta” ademais de prestar apoio técnico.
Como dixemos, a campaña xa contabilizou negocios inscritos para un total de 372 visitas efectuadas até o de agora, segundo subliñou Ana Barreiro, quen cualificou os datos de “alentadores”, pois, engadiu, “supoñen unha taxa de conversión do 24%”.
Jorge Parada matizou que na cifra non está contemplada moita xente interesada que “aínda está a estudar como pode enfocar a súa tenda online”, polo que estima que cando remate a campaña de captación (que proseguirá tanto pola cidade como polo resto de parroquias) “a porcentaxe estará entre o 40 e o 50% dos negocios visitados”.
Na cita deste xoves recordouse tamén que, aínda que non está activada a venta a público, “xa foron subidos arredor de 300 artigos, sobre todo por parte de usuarios que están a probar a mellor maneira de exhibir os seus produtos ou servizos”.
Doval animou ao tecido comercial a implicarse nesta iniciativa “tan beneficiosa para o noso comercio local”, dispoñíbel en web www.ribeirastore.com.
Pola súa banda, Edelmiro Justo manifestou que Ribeira é, xunto con Pontevedra, un dos municipios pioneiros nunha iniciativa na que se está a traballar dende TokApp co obxectivo de entrelazar as plataformas de venta online de varias cidades conformando “un portal común que redunde nun proxecto máis forte e con máis alcance e visibilidade”.
De momento cóntase coa implicación de doce localidades de Galicia, Asturias e Eivisa.

PUBLICIDADE