A plataforma de ecommerce Ribeira Store ábrese ás empresas que queiran adherirse

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

O comercio electrónico colle impulso no concello de Ribeira. E faino da man da plataforma Ribeira Store, que permitirá ás empresas locais botar abaixo barreiras e fronteiras de comercialización e que estará a pleno rendemento antes de conclúa o mes de xullo en www.ribeirastore.com. Porén, segundo informou este xoves o Goberno local, as empresas interesadas en participar xa poden rexistrarse na dita plataforma a partir de xa (accedendo á páxina e entrando en Rexistro de Comercios, onde haberá que cumprimentar un formulario). O Concello tamén quixo saber que a súa intención é conseguir que os preto de 700 negocios que hai no termo municipal se adhiran a este novo servizo.
A ferramenta de venda en liña, posta en marcha polo Executivo ao abeiro do Plan Reactiva Ribeira, destinado a paliar os efectos da COVID, foi debullada nos seus detalles por Ana Barreiro, concelleira de Innovación Tecnolóxica, quen estivo acompañada polo edil de Comercio Ramón Doval e ao representante da firma TokApp, Edelmiro Justo.
Barreiro informou de que “comeza agora unha primeira fase de captación e formación entre o empresariado local”, sendo o obxectivo dar a coñecer este servizo porta a porta entre os negocios da cidade e do resto de parroquias por medio dun equipo integrado por dúas persoas con material informativo.
Os edís lembraron que entre as entidades interesadas en tirar proveito da tecnoloxía atópase o mercado municipal por medio da Asociación da Praza de Abastos, que o vindeiro luns día 6 comezarán a recibir formación no seu manexo.
Barreiro destacou tamén que Ribeira Store pretende ser “un empregado máis” dos establecementos comerciais para a venta dos seus produtos ou servizos, en tanto que Ramón Doval salientou que as súas prestacións fan dela unha ferramenta imprescindíbel, “con posibilidades tales como o control de stock”. Tamén enxalzaron a súa integración, por medio dun botón específico, na aplicación do Concello de Ribeira, que a empresa TokApp está acabando de desenvolver, cos “beneficios en canto a posicionamento e visibilidade que isto entraña”.
A plataforma estará en galego e castelán, e é probábel que tamén en inglés.

PUBLICIDADE