A película Iron Man 3 estrea xogo oficial para smartphones e tablets

xoves, 25 de abril do 2013 Marcus Fernández

Adiantándose á estrea do filme Iron Man 3, que mañá chega aos nosos cines, Gameloft estrea o seu xogo oficial, que chega de balde a dispositivos móbiles, de xeito que xa podemos descargalo como aplicación universal para iPhone e iPad e tamén para dispositivos con Android, aínda que para poder tirar o máximo partido das armaduras do noso heroe e poder reducir os tempos de espera poderemos facernos con elementos opcionais de pagamento (seguindo os pasos de xogos como Real Racing 3 e Injustice: Gods Among Us).
Este xogo sitúase despois do acontecido na película homónima e, en vez de intentar seguir tramas con misións fixadas como títulos anteriores protagonizados polo Home de Ferro, desta volta teremos niveis infinitos xerados automaticamente en 3 localizacións distintas (Malibú, New York e China). Aínda que os inimigos do xogo son as forzas de I.M.A., no xogo non faltarán personaxes da banda deseñada, como Dinamo Carmesí, Ezekiel Stane, o Láser Vivente e o poderoso M.O.D.O.K.
Iron Man 3 presenta gráficos 3D detallados, controis moi sinxelos (combinando toques e deslizamentos na pantalla), numerosas misións e enfrontamentos épicos, ata 18 traxes sacados das distintas películas e a posibilidade de mellorar as armaduras e os poderes no laboratorio.
Para facernos unha idea do trepidante que pode ser este xogo, podemos velo en acción no seu trailer:

Iron Man 3 funciona tanto en smartphones como en tablets
No xogo podemos enfrontarnos a vellos inimigos de Iron Man como Dinamo Carmesí

PUBLICIDADE