A pandemia eleva ata o 98% o número de menores en España que empregan Internet a diario

mércores, 9 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), publicou este 8 de febreiro de 2022, o informe El uso de las tecnologías por menores en España. Nel constátase que debido á situación derivada da crise do COVID-19 os hábitos dixitais dos menores cambiaron. As clases a distancia e as actividades educativas en liña, provocaron que se producise un aumento do uso dos ordenadores e dispositivos móbiles, así como a cantidade de usuarios e usuarias que empregan Internet.
Para facernos unha idea da universalidade no uso de Internet, no 2016 a porcentaxe de nenos e nenas de entre 10 e 15 anos que empregaban Internet non chegaba ao 93%; en cambio, entre o 2020 e 2021 aumentou este dato en tres puntos ata arredor do 98%. Ceuta, Cataluña e Madrid son as comunidades onde máis menores empregan Internet, e Cataluña e País Vasco onde máis menores empregan os ordenadores.
A medida que baixa a idade, o emprego da rede é menor, así como tamén atopamos unha lixeira diferenza entre xéneros. As nenas (96%), empregan Internet arredor dun 2% máis que os nenos (94%), tendencia que se ven mantendo dende 2017.
Nos últimos cinco anos non variou o número de menores con teléfonos móbiles (7 de cada 10). Neste ámbito, tamén son as nenas as que están por diante, 72% elas e 65% eles. As comunidades con máis menores con teléfono móbil son Extremadura e País Vasco; e as que menos Melilla e Galicia.

As variables sociodemográficas afectan ao uso

A idade, o lugar de residencia, a renda do fogar ou o número de membros da unidade familiar condicionan a dispoñibilidade do móbil e ordenador, e o uso de Internet.
En tema de idades, no salto dos 10 aos 11 anos, o porcentaxe no uso do ordenador aumenta do 90% ao 95%; os 13 anos adoita ser a idade na que se lles compra un móbil por primeira vez, polo que 9 de cada 10 nenos e nenas de 13 anos teñen móbil. Por lugar de residencia, os nenos e nenas que viven en poboacións con menos habitantes (10.000 ou menos) empregan máis o móbil e menos o ordenador que os habitantes de zonas máis poboadas.
No que respecta aos ingresos das familias, canto maior sexa a renda familiar maior será o acceso á rede dos e das menores. Así tamén será se falamos do teléfono móbil, en familias con rendas superiores a 2.500 euros, un 67% dos nenos e nenas teñen móbil, fronte a un 57% nas familias con rendas menores de 900 euros. Os datos tamén reflicten que os fogares con só dous membros, o uso do móbil é maior que en familias con cinco ou máis integrantes.

Mundo dixital no ámbito escolar

A COVID-19 acelerou a adaptación e a transformación de moitos ámbitos ás novas tecnoloxías. Aínda que durante a pandemia, o 95% dos fogares estiveron preparados para facer fronte ás clases en liña, case o 5% dos nenos e nenas non tiveron os medios necesarios. Case o 17% das familias con ingresos inferiores a 900 euros non puideron facer fronte a esta situación. A raíz disto, o Goberno de España lanzou en xuño de 2020 o programa Educa Digital, dotado de 190 millóns de euros e co obxectivo de distribuír ata 500.000 equipos informáticos entre os centros educativos para afrontar tanto a docencia online como para mellorar a presencial.

PUBLICIDADE