A nova web da Semana da Ciencia que pon en marcha a FECYT acubilla dúas accións galegas

mércores, 31 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Para quen queira ir informándose das principais actividades previstas, a nivel estatal, para celebrar a Semana da Ciencia, dicirlle que a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) ten en marcha unha web específica, renovada, sobre a dita cuestión e as súas múltiples manifestación ao longo e ancho do mapa: semanadelaciencia.es. Nela, a Fundación, principal impulsora española da Semana, amosa en detalle 20 proxectos de actividade da Semana da Ciencia (unha semana que non é unha semana, senón un mes enteiro de accións: o mes de novembro que comeza este xoves). Entre os proxectos atopamos dúas propostas da nosa terra.
En primeiro lugar, unha iniciativa galega que ten cada día máis adeptos, apoios e participantes: a feira de novos talentos investigadores Galiciencia, que celebra cada ano a Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) nesta cidade.
En segundo lugar, a edición 2012 de Biodiversión, cuxo obxectivo principal é achegar a ciencia aos estudantes de Primaria, dende un punto de vista lúdico e de lecer, a través de dúas liñas de acción concretas: obradoiros prácticos no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e máis obradoiros prácticos nos colexios.
Os proxectos dos que se dá conta na web (con tódolos seus detalles de contido e obxectivos e complementados cun buscador por data e localidade) teñen o apoio da FECYT e o alicerce común de ser acubillo de divulgación investigadora, cun claro compoñente de fortalecemento e pulo de vocacións novas. En total, desenvolveranse baixo o devandito abeiro da Fundación un total de 340 actividades, coas que se prevé convocar a un público estimado de 215.790 persoas, na súa maioría mozas e mozos. O financiamento outorgado polo organismo estatal é de 282.300 euros, mentres o orzamento solicitado foi de case dous millóns de euros.

PUBLICIDADE