A nova tableta de Amazon chegará a España a un prezo de 59,99 euros
xoves, 17 de setembro do 2015
Amazon presentou hoxe nos EE.UU. 7 novos produtos á súa
familia Fire, pretendendo así introducir a súa tecnoloxía nos fogares durante a
campaña de Nadal, para o que forneceron o seu catálogo de tabletas e
dispositivos para o televisor cunha relación entre prestacións e prezo moi
difícil de igualar, xa que a compañía de Jeff Bezos non pretende facer cartos
co hardware, senón que busca facilitar o acceso aos seus contidos dixitais a
través destes dispositivos, trasladando así o modelo de negocio que tan ben
funcionou cos lectores de libro electrónico.
A nova tableta de Amazon custará dende 59,99 euros
A liña das tabletas foi bastante discreta coa Fire HD 8 e a
Fire HD 10, dispositivos que centran o seu atractivo no reducido do seu peso e
grosor, mentres que a Amazon Fire conseguiu converterse na grande nova da
xornada para moitos, xa que chega aos EE.UU. a un prezo de só 49,99 dólares, o
que podería levar a que se vendese masivamente. O máis sorprendente de todo é
que desta volta non teremos que agardar bastantes meses para velo en España,
senón que o propio día 30 de setembro estará xa
dispoñible no nos territorio a un prezo de 59,99 euros na súa versión con ofertas especiais (de querer o
trebello sen publicidade, o seu prezo ascendería a 74,99 euros) o que podería
facer que tamén se convertese en todo un super-vendas en España, xa que estamos
ante unha tableta con pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x
600 píxeles, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento
interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128GB), cámaras de 2 e 0,3
Mpíxeles, Wi-Fi N, unha batería cunha autonomía de até 7 horas para un uso
mixto, un grosor de 10,6 milímetros e un peso de 313 gramos.
- Nos EE.UU. Amazon lanzou unha oferta de 5x6 coa nova tableta Fire
Este produto busca servir para consumir contidos audiovisuais, aplicacións
móbiles, xogos e incluso para ler libros electrónicos, e como un dos seus
argumentos para o ámbito familiar dende Amazon destacan que é “1,8 veces máis
resistente que o iPad Air 2”. Este produto parece querer coller o relevo do
Fire HD 6, e aínda que ten unhas prestacións un chisco inferiores, a súa
pantalla ten un tamaño lixeiramente maior e o seu prezo é considerablemente
máis baixo (pasamos de 99,99 a 59,99 euros) o que parece que vai ser o grande
incentivo para optar por este dispositivo que posiblemente sexa obxecto de
numerosas compras compulsivas ante o reclamo do seu prezo. De feito, nos EE.UU.
teñen unha promoción que consiste que co código FIRE6PACK poden adquirirse 6
unidades do novo Fire ao prezo de 5, ou sexa, que Amazon confía nunhas vendas
masivas da tableta.
Nos EE.UU. tamén vai saír unha
versión da tableta orientada aos cativos, que inclúe unha funda de
protección e un seguro de 2 anos (que inclúe a substitución da tableta en caso
de rotura), de aí que o seu prezo ascenda a 99,99 dólares, o que tamén podemos
ver como unha grande promoción se temos en conta a mala fortuna que poden ter
este tipo de trebellos en mans dos máis pequenos da casa.
Achegando contidos ao televisor
Para conquistar o televisor Amazon mantén o seu pequeno
dispositivo HDMI, o Fire TV
Stick, que está considerado como o Chromecast de Amazon, pero que resulta
moito máis potente e que, nesta nova versión incluso vén cun mando a distancia
con control por voz por só 49,99 dólares; aínda que este produto destaca pouco
se o comparamos co novo Amazon
Fire TV, que chegou para demostrar unha vez máis que neste ámbito Amazon
conseguiu ir por diante e, ante o feito de que o novo Apple TV pareceu copiar
descaradamente o anterior Fire TV, agora a compañía de Bezos recupera posicións
cun trebello que o supera en potencia de cara á reprodución audiovisual, xa que
este novo trebello será capaz de reproducir contidos en ultra alta definición a
un prezo de só 99,99 dólares.
Este novo dispositivo incrementou un 75% a súa potencia e dobrou a súa RAM até
os 2 GB. Tamén mellorou a súa Wi-Fi para adoptar o estándar IEEE 802.11ac con
MIMO, conseguindo así grandes velocidades de descarga (pensando principalmente
no streaming de vídeo) e, como non,
tamén conta con Bluetooth 4.1 e USB 2.0 (elementos que o dotan dunha
versatilidade moi superior ao do produto de Apple).
Amais, dende Amazon non queren que o Fire TV se limite a xogos ocasionais como
fai o Apple TV, senón que busca servir para gozar de títulos máis propios de
consolas de videoxogos, de aí que comercialicen
por 139,99 dólares unha Gaming Edition
cun gamepad e unha tarxetas microSD
de 32 GB con 2 xogos pre-cargados. Temos así un produto moi completo e
versátil, que achega moita diversión ao salón doméstico ocupando pouco espazo e
facendo ben moitas das cousas nas que fracasan os Smart TV actuais, aínda que o
atractivo deste dispositivo (ao igual que acontece co de Apple) cae bastante
fóra dos EE.UU., xa que internacionalmente o catálogo de contidos audiovisuais
dispoñible é bastante reducido.
- O Amazon Fire TV tamén estará dispoñible nunha Gaming Edition